Language   

Deitado frente ao mar

Celso Emilio Ferreiro
Language: Galician


Celso Emilio Ferreiro


Lingoa proletaria do meu pobo, ‎
eu fáloa porque sí, porque me gosta,‎
porque me peta e quero e dame a gaña;‎
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,‎
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa nan saben
afirmarse no amor dos devanceiros,‎
falar a fala nai,‎
a fala dos abós que temos mortos,‎
e ser, co rostro erguido,‎
mariñeiros, labregos do lingoaxe,‎
remo i arado, proa e rella sempre.‎
Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,‎
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.‎
Non falo pra os soberbios,‎
non falo pra os ruis e poderosos,‎
non falo pra os finchados,‎
non falo pra os valeiros,‎
non falo pra os estúpidos,‎
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;‎
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,‎
de lume e vento sobre os ollos núos.‎
Eu non podo arredar as miñas verbas‎
de tódolos que sofren neste mundo.‎
E ti vives no mundo, terra miña,‎
berce da miña estirpe,‎
Galicia, dóce mágoa das Españas,‎
deitada rente ao mar, ise camiño... ‎



Main Page

Please report any error in lyrics or commentaries to antiwarsongs@gmail.com

Note for non-Italian users: Sorry, though the interface of this website is translated into English, most commentaries and biographies are in Italian and/or in other languages like French, German, Spanish, Russian etc.




hosted by inventati.org