Language   

Nota necrolóxica

Celso Emilio Ferreiro
Language: Galician



Deron os abecedarios
a nova da túa morte,
meu vello can de palleiro,
meu vello can de palleiro
abandonado da sorte.

Un poeta sen fortuna
morto de morte matada
mentras soñaba coa terra,
malferida e malpocada.

A moura necroloxía
resultou ser unha trola
da xente anana e mesquiña,
da xente anana e mesquiña,
a quen o teu verbo esfola.

Xente á que debes dicirlle
sorrindo e sen acritude:
os mortos que vós matades,
os mortos que vós matades
gozan de boa saúde.

Pode o corpo ser vencido,
pode o dereito ser torto,
mais o lume que alampea,
mais o lume que alampea
xamais o veredes morto.

Pero, por se chegase o intre
de mandar todo ao carafio,
meu vello can de palleiro,
meu Celso Emilio Ferreiro
vai facendo un epitafio:

Unha vez soñou que morrera
e que o soterraban
a carón dun río petrucio
na terra máis fermosa
e desgraciada do mundo.
Por iso xaz aquí,
á beira do Pai Miño...
non podía ser outro
o lugar do seu soño.‎


Main Page

Please report any error in lyrics or commentaries to antiwarsongs@gmail.com

Note for non-Italian users: Sorry, though the interface of this website is translated into English, most commentaries and biographies are in Italian and/or in other languages like French, German, Spanish, Russian etc.




hosted by inventati.org